Enganeivos

UF Chalkboard Green Chemistry Laboratory - Christopher Sessums

UF Chalkboard Green Chemistry Laboratory – Christopher Sessums

 

“Enganeivos, cando vos dixen que se estudiabades ibades a ter un futuro, enganeivos”. Estas foron as palabras que me dixo fai uns meses, cando coincidimos pola rúa, un dos profesores que máis me influíron na miña forma de pensar. Un señor como a copa dun pino. Un señor austero, que tiña un Opel, vello xa daquela, pero que xustificaba que, se seguía funcionando, non había porque comprar un novo. Un señor comprometido co medio ambiente, que ía andando a case calquera lugar para non ter que usar o coche e que recollía o lixo da xente que ía a praia aínda que os ‘donos’ da mesma estivesen diante. Un señor que, non creo que ninguén poida negar, se gañaba o seu soldo. Un señor respectado alí a onde foi. A primeira persoa incorruptible que coñecín na miña vida (unha das poucas) e un dos referentes máis sólidos que tiven ata o de agora.

Non me gustaría estar no seu pelexo cando dixo aquilo. Primeiro porque non é un home covarde, non se amedrenta por calquera cousa, é dicir, non estaba capitulando, estábano obrigando a capitular. Segundo, porque se dixo aquilo era porque o sentía, porque o pensou antes de dicilo, porque lle pesaba a culpa. Culpa que por outro lado non tiña, era o lóxico, pensar que o mundo e o país van ir a mellor ou se van a manter, pero nunca ir a peor. ¿Quen pode pensar que os alumnos ós que lles estás dando clase se van a ver abocados a ter unha vida peor que a túa? Ilusionar a unha xeración non é simple cando xa se sabe dende o comezo que non hai nada para eles. É practicamente como dicirlle a un pai que vai a ter que enterrar ó seu fillo. Non pode ser fácil nestes tempos explicar por que hai que estudar…

E a todo isto, ¿quen lle vai a pedir perdón? El cumpriu a parte do seu trato coa sociedade. ¿Cando vai a ser o momento de axustar as contas? De que os que incumpriron a súa parte asuman a súa responsabilidade despois de esparexer tanta merda como esparexeron. Algo teño claro, desde logo, esta debería de ser a primeira lección das novas xeracións: non hai xustiza.

Tags: , ,